Jompirú, de G. Roldan (resumo)
Na aldea onde vivía Jompirú, cada día pasaban dúas cousas: Todo o mundo se reunía arredor do lume para contar historias, unhas verdadeiras e outras falsas. Jompirú sentaba con Olivia, a súa ave. Todos sentaban nun círculo e facían quendas para contar cadansúa historia. Esta era unha das cousas que pasaba na aldea de Jompirú.
E a outra…? Algunhas noites, o chan comezaba a tremer. A xente fuxía e refuxíabase nas súas cabanas.
Un día, un anciano estaba contando a historia dun home que quería facer música plantando unha flor no medio do deserto. Retumbaron uns pasos. Plum, plum, plum! Olivia fuxiu. A noite esvaeceu coma un suspiro e a aldea quedou envolta nunha nada branca.
Pouco a pouco, o tremor foise apagando.
-Que é o que aconteceu?, preguntou alguén.
- A noite marchou!
Pasaron os días e a xente estaba desesperada: non podían durmir e andaban desconcertados. Pero, ademáis, quedaron sen os contos arredor do lume.
Jompirú, que non tiña medo, pediu permiso para ir buscar a Olivia e para recuperar a noite. Camiñou e camiñou, pasou por un bosque branco de luz e atopouse cun ser xigantesco…
-Que fas ti aquí, homiño?, preguntou o xigante.
Jompirú tragou saliva e tomouse un instante para observar toda a inmensidade do xigante.
-Eu… quería saber…
-Saber que, homiño?
-Quería saber da miña ave, Olivia; e tamén quería saber que pasou coa noite, que desapareceu. Ti sabes algo?, preguntou Jompirú.
-Do teu paxaro non sei nada; pero da noite, si; porque fun eu.
-Fuches ti?
-Si. Eu engulín a noite. Tragueina, coma se fose un vaso de auga fresca; e tamén bebín cada estrela; e, de sobremesa, bebín a Lúa.
-Pero… por que?, preguntou Jompirú.
-Porque eu quería escoitar as historias que contades na aldea cando é noite. Téñome achegado moitas veces, porque de lonxe non vos podo ouvir; pero, cando estou preto, toda a xente escapa e quédome sen escoitar a historia.
-Así que era por iso…? Entón, isto ten fácil remedio. Devólvenos a noite, por favor, que eu heiche contar unha historia.
O xigante soprou (FFFF) para botar fora a noite coa súa negrura, as estrelas, a Lúa… e Olivia, que se coara dentro do xigante sen que el se decatara.
O xigante, Jompirú e Olivia xuntaron follas secas para facer unha fogueira; cando xurdiron as primeiras lapas do lume, Jompirú empezou a contarlle ao xigante a historia dun home que quería facer música plantando unha flor no medio do deserto.